73885419_060730En relación coas actividades desenvolvidas no Colexio Andersen ao redor do Día das Letras Galegas, o departamento da biblioteca de secundaria organizou un día de aulas abertas que pretendeu dar a coñecer entre o alumnado a vida e a obra de Carlos Casares.

A partir dunha serie de vinte e tres actividades de diverso tipo, outros tantos grupos de catro rapaces e rapazas de Educación Secundaria, integrados por un membro de cada nivel, realizaron un percorrido polas instalacións do colexio que os guiou por diferentes aspectos da vida e a obra do escritor ourensán.

Os alumnos e alumnas, baixo a premisa do traballo cooperativo, aportaron ao grupo as súas calidades máis destacadas para superar cada unha das probas. Deste xeito, as capacidades individuais puxéronse ao servizo do equipo co obxectivo de acadar o nivel máis alto ao final do percorrido.

A correcta resolución da actividade requiriu a exploración das intelixencias múltiples que derivaban da variada configuración do grupo, xa que exploraban todo tipo de destrezas: manexo das TIC para buscar información sobre Casares, capacidade de comprensión oral e escrita en lingua galega para identificar algunhas características da súa obra; habilidades físicas, por exemplo, para participar nunha carreira lenta subidos á bicicleta de Lolo; lóxicas e matemáticas para resolver diversos enigmas sobre a figura do autor de “Vento ferido”; e tamén a manifestación da expresión artística, necesaria para pintar unha orixinal galiña azul, verde, vermella… ou musical, para acompañar coa percusión duns vasos unha rap inspirado na obra de Carlos Casares.

En definitiva, unha forma diferente e participativa de achegarse á vida e á obra do autor homenaxeado hogano no Día das Letras Galegas.