INTRODUCIÓN

Os centros escolares de todo o estado teñen a opción de elixir un Proxecto Documental Integrado (P.D.I.) para desenvolver ao longo do curso. Este proxecto recibe o nome de integrado porque abrangue todas as materias, pois debe ser contemplado e traballado nas aulas desde todas as perspectivas que se corresponden coas diferentes materias impartidas nos centros educativos.

Este ano, o noso colexio elixiu os bosques como eixo arredor do cal xirarán múltiples actividades durante todo o curso 2020-2021.

As razóns polas que decidimos escoller este proxecto son moitas, e seguro que a vós ocorreríansevos moitas máis.

Nós agora queremos salientar 5.

5 RAZÓNS PARA CONSERVAR OS BOSQUES

1.- Cada ano, quéimanse ou tállanse ao redor de 13 millóns de hectáreas de bosques en todo o mundo. Se fósemos quen unicamente de mantelos vivos, axudaríannos a mitigar o cambio climático.

2.- As árbores constitúen unha tecnoloxía natural incrible. Xeralmente chamados os pulmóns do planeta, as árbores vivas dos bosques inhalan dióxido de carbono (CO2) do aire e exhalan osíxeno. Así pois, os bosques sans limpan o aire e regulan o clima evitando alteracións extremas como tormentas poderosas, inundacións e períodos prolongados de seca. As árbores, polo tanto, protéxennos.

3.- Os bosques vivos sosteñen a vida: benefician as persoas, as plantas e os animais por todo o traballo invisible que realizan como almacén de carbono.

4.- Plantar árbores en bosques danados ou tallados crea un cultivo de árbores novas consumidoras de carbono. A medida que crecen as árbores, ao longo de 50 a 100 anos absorben CO2 do aire e, á súa vez, recuperan o fogar para unha enorme cantidade de animais e plantas.

5.- Anualmente, xérase máis contaminación pola perda de bosques que polo transporte mundial (avións, trens, automóbiles e barcos, en conxunto). A deforestación provoca o 15% das emisións de CO2 anuais en todo o mundo.

É POSIBLE LEVAR A CABO UNHA EXPLOTACIÓN SOSTIBLE DOS BOSQUES?

Esta é a gran pregunta que debemos facernos: É posible conservar os nosos bosques e ao mesmo tempo servirse do que producen de xeito natural? É dicir, pode ser explotado o bosque para extraer madeira, utilizalo para manter a gandería, as pegadas de culturas ancestrais (petróglifos, poboados castrexos, vellos muíños…), para cultivar alimentos ou incluso como lugar de recreo?

Os feitos demostran que si, e non é necesario ir moi lonxe.

A moi poucos quilómetros do colexio, hai unha mancomunidade de montes, a de Couso, no concello de Gondomar, que xa o está facendo.

No ano 2019, a Comunidade de Montes en Man Común de Couso, recibiu da ONU o máximo recoñecemento mundial en materia de conservación da contorna natural. Este premio consiste en denominar a esta mancomunidade como TICCA (Indigenous Peoples and Community Conserved Territories and Areas), área conservada por comunidades locais e pobos indíxenas, polo seu programa para eliminar especies invasoras como as acacias ou o eucalipto do seu territorio e, ao mesmo tempo, por ser pioneira na diversificación dos usos do monte, buscando a súa rendibilidade cultivando produtos moi comerciais como framboesas, arandos, cereixas, cogomelos ou mel. Ademais, fomentan o desfrute do monte coa conservación dun bo número de muíños e a creación de áreas recreativas e rutas de sendeirismo.

Hai máis de cinco años que a comunidade de Couso foi substituíndo gradualmente a súa masa forestal de especies pirófilas, as que facilitan a propagación do lume, por árbores de folla caduca, como carballos, castiñeiros ou cerdeiras. A madeira destas especies tamén é explotada cunha rendibilidade moito máis alta a longo prazo que a que producían as especies erradicadas; fundamentalmente, eucalipto, piñeiro e acacia, rendibles a curto prazo, pero que como todos sabemos, contribúen ao empobrecemento do chan.

DEMOSTRAMOS O NOSO COMPROMISO COA CONSERVACIÓN DOS NOSOS BOSQUES

De xeito simbólico, e por todos os motivos arriba expostos, as diferentes aulas do colexio toman baixo a súa protección algunhas das moitas árbores con que ten a sorte de contar o colexio.

Así pois…
1º de ESO toma baixo a súa protección a oliveira.
2º de ESO toma baixo a súa protección a abeleira.
3º de ESO toma baixo a súa protección a milgranda.
4º de ESO toma baixo a súa protección a nogueira.