Incorporamos á biblioteca no colexio a xenial iniciativa de Yolanda Castaño: O puño e a letra. Este libro conta coa colaboración, entre outros, de Jano, Fran Jaraba, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Manel Cráneo, Xosé Tomás, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Siro, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Ramón Trigo ou Tokio.

A súa novidade consiste en poñer a conversar a poesía co cómic, nun novo xénero  coñecido como Comic Poetry ou Cómic Poético. De aí que os 40 ilustradores e debuxantes reinterpreten en viñetas unha autoantoloxía de 40 poemas de Yolanda con absoluta liberdade, agás o espazo: unha soa páxina. É un pracer estético e literario percorrer cada folla deste libro, por un lado o poema, por outro, a súa interpretación comiqueira. Páxinas polas que paseamos entre o erotismo, a ironía, o onírico, o corpo, as convencións… en interacción coa banda deseñada.

De Trafegando ronseis (https://trafegandoronseis.blogspot.com/2018/12/o-puno-e-letra.html)