Xela Arias Castaño veu ao mundo no ano 1962 en Lugo, embora pasase a maior parte da súa vida en Vigo, cidade en que realizou os estudos de Filoloxía Hispánica e onde morreu o 2 de novembro de 2003.

Vinculada a Xerais desde o nacemento da editorial en 1979, estreouse no mundo literario con Denuncia do equilibrio (1986), poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez.

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 80

En 1990 publicou, en colaboración co seu marido e fotógrafo Xulio Gil, Tigres coma cabalos, obra de grande repercusión en que se mesturan poemas e espidos da autora. O libro trasmítenos unha mensaxe a prol da sinceridade e da procura dos sentimentos máis básicos. En Darío a diario (1996) a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia maternal. O seu derradeiro poemario, Intempériome, foi editado o mesmo ano da súa desaparición por Miguel Anxo Fernán Vello.

A súa obra poética tamén se deu a coñecer en libros colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.

Generated by IJG JPEG Library

Alén da súa tarefa poética, Xela Arias dedicouse á tradución para a nosa lingua de diversos autores como Joyce, Fehnimore Cooper e Fernández Flórez. Escribiu varios relatos, algúns deles incluídos na obra Contos eróticos/elas (1990).

Foi finalista do Premio Esquío de Poesía (1986) con Lili sen pistolas, obra que aínda permanece inédita.


O alumnado de 4º de ESO, conducido por Eneas, profesor da materia de música, quixo homenaxear a Xela Arias elaborando un podcast onde se da conta dos aspectos biográficos máis importantes e poñendo música a algúns dos seus poemas.

Xela Arias

PEQUENA ANTOLOXÍA POÉTICA

Autopoética

Sábeme ti dicir desta sorte de soltos.
Eu non sei máis.
Nin moito máis me importa, non penses.

Compaxínome coa vida diaria e sei
o preciso para estarabouzar por veces esta sida grotesca
a nos manter tan homes e mulleres:
Afectados.

Síndrome
de sabérmonos sen tódalas defensas.

Síndrome
que traiamos adquirida e agora sumamos.
Síndrome, conta con iso, que en min alimento
para buscarme negra, si, negra, negra e afectada.

O resto,
o resto, como un aire de taller.


Independencia 1

Convoca a palabra e chama a distancia
co eco ós retrasados.

Pregúntalles por que decidir inclúe acordar
e resolverse,

por que só elixe quen é dono
da fame e a opulencia que conte en
tódolos poemas das patrias todas
-acollidas ou rexeitadas-.

Convoca a palabra e sabe
que escíbe-Ia letra dos desterrados,
que apostas entre os dedos dos satisfeitos.
Independencia, dis,

só es unha area que está de máis
na democracia telediaria desta escena.
Así nos borran.


Independencia 2

Independénciome para que eu saiba
onde quero estar atada, onde
as fronteiras ou a morte das fronteiras,
onde
a man espada levanta e anota
media terra, media historia, media
lingua desmedida que non usa
máis có silencio da espera en media guerra.


Norte do meu Sur

En Túnez

Mesmo no deserto
a rosa medra
-esa flor tremenda-.
Se non auga e brisa, area sobre area
será en abrazos,
teimuda e sorprendente.

Disforme e ingobernable abrolla o pétalo e medra;
disformes e ingobernables amoréanse eles:

Neste trozo do seu norte
Africa Rebenta.


No Sahara

Barréname fosfatos cunha sombra do meu aceno saharaui.
Como se laia esta area de rotas fantásticas sen rotas marcadas.
Barrena a civilización da metralla e deixádeme
afia-la daga enferruxada.
É meu o ventre nocturno, area, a enorme marexada.
Nin de man aman:
Miña a terra, o aire da chilaba.


Soldados

Porque bebes na fonte das dúbidas, sospeitas.
Porque habíta-la esperanza, sancionas.
Así sabes ti da elevada simetría das batallas.
Así conviñas pola muda da historia.
Que tal ve-la necesaria imposible inocencia dun minúsculo/
poder calquera?
Abrázome noutra revolución pendente.

Non vou ser soldado.
Poño a man
e cáenme milleiros de causas comúns polos dedos estirados.
Non vou ser soldado.
Sancióna-la mesquindade que os desexos tamén gardan?

Porque se línda-la utopía, atrévete agora e avanza.
Tamén ti ocultas
verdadeiros motivos en risas desencaixadas.
Así que abrázate nesoutra revolución necesaria.

Sería-lo mellor soldado, e mais cantas veces
mórrenche tódalas batallas.


Para Xulio

Que me compartas se me falo de nada,
que comigo me compartas finalmente entre as cortinas,
que somos nos vasos e automóbiles un compárteme
subliñado de pareceres.

Sospéitame como amámo-lo trastorno das nosas
á procura de nada que vén tan enorme-
mente importante ós nosos colos traballosos.

Sábenos
amantes na urxencia do cámbiame
de sitio o mundo que afirmamos.

Así podo eu araña-lo peito que conteño
cos teus meus dedos.


Para todos

Non hai, si que non hai
idioma abondo.

Non hai idioma abondo para recoñecérmonos.

Pero ti e mais eu e nós,
se nos sabemos sabémonos

desde os espacios en branco.