En liña co Proxecto Documental Integrado deste curso comezamos a participar no Proxecto Ríos. Este programa de educación e voluntariado ambiental, coordinado por ADEGA e promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ten como propósitos dar a coñecer a situación ambiental dos cursos fluviais galegos, contribuír a aumentar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e axudar a aportar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos.

O obxectivo final é conseguir fomentar a participación cidadá como ferramenta fundamental que permita construír unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas tan vulnerables. 

Esta participación e intervención socioambiental lévase a cabo dentro do apartado do voluntariado ambiental. Neste apartado, o noso alumnado está realizando o estudo do río Zamáns (un tramo duns 500 m). O grupo de 1º ESO é o “custodio” ou “gardarríos” e está encargado de avaliar e valorar todas as características que definen ao mesmo a través de dúas inspeccións do río, unha en primavera e outra en outono. Nestas inspeccións analizaranse todas as características e propiedades biolóxicas, físico-químicas, hidromorfolóxicas e patrimoniais dos ecosistemas fluviais, empregando os materiais proporcionados de forma gratuíta polo Proxecto Ríos (fichas de identificación de flora e fauna, manual de inspección básica de río, reactivos químicos para a análise da calidade da auga…). 

En todas as fases do seu traballo o alumnado está a empregar os recursos TIC e o amplo fondo bibliográfico da nosa biblioteca.