Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Afundación e The Hispanic Society.
Premio Paraugas 2017 ao mellor libro de arte, outorgado polo Clúster da Comunicación Gráfica
Eis o catálogo da exposición que tivo lugar en Pontevedra o ano pasado cunha extensa selección de imaxes de Ruth Matilda Anderson, fotógrafa e conservadora estadounidense da Hispanic Society of America que realizou durante dúas longas campañas de fotografía etnográfica en Galicia de 1924 a 1926.
A fotógrafa estadounidense chegou a Galicia en 1924 acompañada do seu pai. Chegou a realizar un proxecto de investigación para a Hispanic Society of New York, que consistía en captar as imaxes do día a día da xente de Galicia, principalmente en zonas de difícil acceso. Ata entón, un traballo documental tan exhaustivo nunca se fixera sobre a sociedade galega. Anderson repetiu a viaxe uns anos despois, esta vez coa súa compañeira Frances Spalding, entre as dúas definiron a metodoloxía fotográfica da organización para a que traballaban, The Hispanic Society.
Os 80. Moda en Galicia. Singularidades. Cristina Varela e Silvia García.
“A liberdade creativa, a conexión co exterior e o contaxio entre diferentes territorios e disciplinas creativas como as artes plásticas ou a música” son algunhas singularidades da moda galega dos 80. Así o explica Cristina Varela, comisaria, xunto con Silvia García, da exposición Os 80. Moda en Galicia. Singularidades, e tamén do libro que xurdiu dela.
As dúas son doutoras en Belas Artes pola Universidade de Vigo, profesoras de Esdemga e integrantes do grupo de investigación Dx7. Foi no seo deste labor docente e investigador onde se xerou esta mostra, a partir da tese de doutoramento de Cristina Varela e no contexto dun estudo máis amplo ao redor das manifestacións culturais menos estudadas daquel decenio.
Singularidades tenta ser o retrato dun período que propiciou a proxección internacional da moda galega, co lanzamento de Galicia Moda a iniciativa do publicista Luis Carballo. “Foi un paraugas para todos, que favoreceu a visibilización tanto dos que estaban dentro como doutros deseñadores emerxentes, construíndo unha identidade de país-moda”, segundo Cristina Varela.
Os 80 supuxeron tamén a integración do sector no ámbito creativo. “Foi fundamental o salto que se deu da simple manufactura á consideración da prenda como posibilidade creativa”, comenta Cristina Varela ao respecto.