Princesa (contra) Disney
Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
Que perdín en palacio).
Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un álbum secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos. Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion & cool & chic & sexy.